Thursday 02 de May de 2024

Edu Fernández propón reducir as retribucións dos políticos de Cambre


Co actual sistema, concelleiros perciben 290€ por reunions de 2 minutos de duración.

“É unha indecencia” así de tallante móstrase o candidato por PODEMOS á alcaldía de Cambre, Edu Fernández. O candidato explica que despois de consultar na web municipal as retribucións dos concelleiros e cruzalas coas actas das reunións aprecia que “Hai concelleiros que cobran 290€ por reunións de 2 minutos de duración” e cita o exemplo da xunta de goberno celebrada o 20 de setembro de 2022 iniciada ás 09.05 e finalizada ás 09.07 pola que o concelleiro Dani Mallo cobrou 290€. Aclara que non é algo illado xa que nese mes celebráronse 6 xuntas de goberno cunha duración total de 31 minutos e un montante económico a percibir de 1.740€ por cabeza aos concelleiros que cobran por asistencias.

Igualmente, o aspirante a alcaldía sostén que as retribucións anuais de 2.000€ por grupo político aos que hai que sumar outros 1.000€ anuais por concelleiro de cada grupo é algo que hai que corrixir inmediatamente. Segundo estes datos, aparte das retribucions aos concelleiros, Unión por Cambre percibiu durante esta lexislatura 40.000€, o seu socio de goberno outros 24.000€, e o PP 20.000€ e así sucesivamente, cantidades a cargo dos orzamentos municipais que considera “deberían utilizarse en beneficio dos veciños”.

PODEMOS pide que se xustifique a utilización desta retribución económica, a entrega da contabilidade especifica desta dotación ao pleno da Corporación municipal para verificar que o seu uso axústase á legalidade e que na próxima lexislatura esta retribución desapareza ou sufra unha importante redución.